Imprimir esta páxina
Presentación da campaña “Avogamos polo galego” e xornada “Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización”
venres 9 de novembro do 2007.

 

[09/11/2007] Onte tivo lugar a presentación da primeira campaña de promoción da nosa lingua que se organiza desde a avogacía institucional. A campaña "Avogamos polo galego" presentouse no salón de actos do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, con grande éxito de asistencia de profesionais da lingua e do dereito e foi acompañada da celebración dunha xornada de reflexión sobre o uso da nosa lingua no ámbito xurídico, tamén a primeira que se celebra en Santiago de Compostela.

Presentación da campaña "Avogamos polo galego"

(JPEG)
Primeira campaña institucional a prol do galego
María Sol López Martínex (secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia), Evaristo Nogueira Pol (decano do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, Martín Ramos Ínsua, técnico do Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio)

Nun acto previo que contou co práctico pleno do aforo do local, presentáronse os materiais e interviñeron o decano do propio colexio, don Evaristo Nogueira Pol, xunto coa secretaria xeral de Política Lingüística, dona María Sol López Martínez. Ambos os dous destacaron, principalmente, a importancia de contribuír á xusta normalización do idioma no ámbito da avogacía e a necesidade ofrecer mediante as políticas adaptadas ao sector, os medios necesarios para poder acadar este reto.

Na campaña presentouse, entre outros materiais, un tríptico informativo que contén unha declaración positiva cara ao galego e unha compilación de dereitos lingüísticos no ámbito da xustiza. Outro dos produtos da campaña foi a presentación dun banner que a partir de hoxe vai aparecer na páxina web do colexio www.icasantiago.org e que ademais todos os letrados e letradas poderán levar tamén ás páxinas dos seus despachos. En canto á súa incidencia, agárdase que a campaña chegue a todos espazos vinculados á xustiza na cidade compostelá, como aos despachos, aos xulgados e á Escola de Práctica Xurídica, entre outros.

Xornada "Xustiza e Lingua"

A presentación desta campaña deu lugar ao desenvolvemento da xornada “Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización”, que contou principalmente entre os seus asistentes con xente do mundo da xustiza e da lingua.

Os relatorios presentados nesta xornada trataron diferentes perspectivas acerca do momento que atravesa a normalización da lingua galega na xustiza.

(JPEG)
De esquerda a dereita
Xosé Xoán Barreiro Prado, José Carlos García Cumplido, Luís Rodríguez Ennes

Na primeira das sesións, que foi presentada e moderada polo secretario do colexio, don José Carlos García Cumplido, o profesor e catedrátito de dereito romano, don Luís Rodríguez Ennes, fixo un percorrido histórico polos distintos momentos que viviu o galego no eido xurídico.

Pola súa parte, o maxistrado, don Xosé Xoán Barreiro Prado, realizou unha interpretación dos principais preceptos legais sobre os dereitos lingüísticos na Administración de xustiza.

A segunda sesión foi moderada polo decano do Colexio de Avogados de Santiago, don Evaristo Nogueira Pol, quen presentou ao seu homólogo de Vigo, don Alfonso Álvarez Gándara. No seu relatorio, o decano de Vigo abordou o comportamento dos poderes públicos e dos profesionais do dereito cara ao galego.

(JPEG)
De esquerda á dereita
Alfonso Álvarez Gándara, Evaristo Nogueira Pol, Xosé Henrique Monteagudo Romero

Por último, o profesor e sociolingüista, don Xosé Henrique Monteagudo Romero, ofreceu unha análise da situación de convivencia entre as dúas linguas oficiais no mundo da xustiza en Galicia.

Os dous actos, que forman parte do programa de dinamización lingüística que está a desenvolver o Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, teñen como finalidade incidir no fomento do uso do galego por parte da avogacía de Compostela.

Avogamos polo galego


Este contido ten documentos anexos. Para obtelos diríxase ao enderezo que figura no pé desta páxina

Avogacia.org (CAG)
Enderezo de web para este contido: http://www.avogacia.org/w3/article.php3?id_article=1974