Imprimir esta páxina
A avogacía compostelá polo dereito a usar a lingua propia de Galicia
venres 2 de maio do 2008.

 

NOTA DE PRENSA

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2008. A Xunta de Goberno do Ilustre Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, na sesión que tivo lugar o 29/04/2008, por iniciativa da Agrupación de Xoves Avogados de Compostela, tomou o seguinte acordo:

“En relación coa polémica suscitada nas últimas semanas polo uso do galego nos tribunais de xustiza e facendo propias as declaracións emitidas no seu día polo conxunto da avogacía compostelá, esta Xunta de Goberno quere recordar que:

1. Avogamos polo dereito a usar a lingua propia de Galicia na vida pública e privada.

2. Avogamos por unir esforzos con todos os operadores xurídicos que actúan no ámbito da xustiza co fin de acadar a normalización efectiva da nosa lingua.

3. Avogamos por eliminar todos os obstáculos que impiden o uso libre do galego no exercicio profesional e rexeitamos expresa e rotundamente toda actividade ou actitude que trate de utilizar este dereito como arma xurídica.

4. Avogamos por contribuír ao prestixio e ao enriquecemento do galego xurídico asumindo de noso este reto.

Así mesmo, ofrecemos o noso apoio e solidariedade a todos aqueles operadores xurídicos que vexan menoscabados os anteriores propósitos. Neste senso, consideramos especialmente correcta a actuación da maxistrada D.ª Ana López-Suevos Fraguela e solicitamos unha condena rotunda contra todos aqueles que pretendan alterar os obxectivos enunciados.”



Avogacia.org (CAG)
Enderezo de web para este contido: http://www.avogacia.org/w3/article.php3?id_article=2139