1
COMPILACIÓN DE TERMINOLOXÍA XURÍDICA
CASTELÁN-GALEGO
Limiar
Antecedentes: o proxecto LUX
O obxectivo do subproxecto LUX (pertencente xunto co subproxecto FORMULA ó proxecto de
compilación e formalización do galego de uso xurídico, proxecto COM-FORMA) é contribuír á
fixación do corpus terminolóxico do galego xurídico a través do estudio e a reflexión con base nos
textos de diferentes especialidades xurídicas. Un dos obxectivos específicos é elaborar o Léxico de
uso xurídico castelán-galego e galego-castelán. Con el preténdese fornecer ó xurista dunha
ferramenta de traballo que sexa útil tanto para o profesional que quere redactar en galego os escritos
xudiciais pero dubida das formas galegas dado que a súa formación xurídica se desenvolveu
exclusivamente en castelán e tamén para o profesional que ante un texto redactado en galego dubida
ou descoñece o equivalente castelán dalgúns termos ou expresións. Outro dos obxectivos específicos
é xerar un producto terminolóxico adaptado ás novas tecnoloxías, de utilidade e concibido para as
persoas destinatarias. A adaptación ás novas tecnoloxías vén dada polo dobre soporte (papel e
electrónico), a utilidade dálla o feito de se tratar dunha aplicación informática pensada para o redactor
do texto xurídico e a adecuación ó destinatario derívase tanto da diversidade de fontes tratadas
(xurisprudencia, doutrina e lexislación), como da entrada e saída nas dúas linguas, ademais do estudio
terminolóxico multilingue.
Xustificación da compilación e a súa inclusión no proxecto LUX
A primeira fase deste traballo que chamamos proxecto LUX foi a preparación do traballo
terminolóxico e da documentación. Esta fase tivo á súa vez dúas etapas diferentes: unha primeira na
que se escolleron e xeraron as ferramentas informáticas para a fixación do corpus de refencia inicial
e unha segunda de fixación das fontes iniciais. A esta primeira etapa corresponde a escolla das
ferramentas informáticas e a creación de programas ad hoc. Así pois, escollemos dunha banda o
programa de concordancias léxicas que se ía utilizar no levantamento terminolóxico dos textos e
xeramos a aplicación para o arquivo e estudio terminolóxico: o programa Com-forma Ficha v. 1.0.